lunes, 21 de enero de 2008

Dous barrendeiros

Aló polos anos 50 e 60 , en Arzúa o servicio de limpeza limitábase a un só barrendeiro, coñecido polo alcume de Velliña. Morto éste, o servizo pasou a mans de Florencio Montero (un personaxe singular como poucos) e Pepe de Souto, que tódalas mañáns saían cos seus carros a darlle un repaso ó povo.
Naqueles anos, os concellos andaban sempre escasos de cartos, e iso que os cargos eran "non remunerados", pero a lexislación vixente tiña ós concellos a velas vir. Por iso, había meses que esta xente non cobraba por non haber liquidez nas arcas municipais.
E así aconteceu que un bo día, estando ámbolosdous limpando na praza, chegouse xunto deles un municipal para dicirlles que acababa de chegar unha remesa de cartos ó concello e que pasasen a cobrar ó rematar a faena. Colleito o recado, Florencio, que sabía do pouco que duraban os cartos nesa empresa, díxolle ó seu compañeiro: "Pepe: se che parece ben, vamos cobrar agora mesmo, que os cartos de aquí a mediodía poden desaparecer, e en cambio, a merda non no la vai roubar ninguén".
Feliz entroido

sábado, 19 de enero de 2008

Unha multa con algo de "exceso"

Hai nos baixos da casa do concello dous portelos a ambolosdous lados da porta principal, que dan acceso ó oco por donde se descolgan as pesas do reloxio. Aínda cando eu era un rapaz, adoitaban estar abertas. Os cativos íamos alí con esa mistura de curiosidade e medo que impoñían aquelas enormes espadas de Damocles. Pero o seu interior tamen era alivio para vexigas apuradas de xente de paso por ese lugar.
E aquí arranca o conto de hoxe. Un bo día, un veciño dunha parroquia deste concello (creo recordar que S. Martiño de Calvos), estaba regando no serrín que cubría o solo de un deses ocos co que lle sobraba no corpo, cando foi sorprendido in fraganti por un garda municipal. Éste, decidiu escarmentar ó infractor e espetoulle unha multa por "horinar en los bajos del ayuntamiento" e un importe dunhas 15 pesetas que daquela era algo así como 30 euros de agora.
O pobre do veciño, subiu ás oficinas do xulgado, que se atopaban arriba, do lado que da á calle do Norte buscando a Victoriano, a quen coñecía, coa esperanza de que lle aforrase as 15 pesetas. E chegado xunto del, díxolle si habería maneira de quitarlle a multa ou, se non toda, alomenos "quitarlle algo". Victoriano mirou o papeliño da multa e coa súa sorna habitual, contestoulle: "Como non lle quite a H a horinar..."

viernes, 4 de enero de 2008

De agonías, sacramentos e xuramentos

En Arzúa, na rúa de Pastoriza, atópase a casa que está por ser a mais antiga da vila. Nela, están hoxe as oficinas do Centro de Acollida do proxecto Leader, pero ata entón, foi desde sempre a casa dos de Benito, sendo Maruxa a súa derradeira moradora.
Maruxa estaba casada con Jaime García, ó que todos coñecíamos como Chaquetas, un dos homes mais ocorrentes da vila e que, por sí mesmo, encheríanos o blog coas súas anécdotas.
Pero neste caso, Jaime vai a ser protagonista indirecto, xa que o que imos a contar pasou na súa casa por mor de estar él ó borde da morte. que, dito sea de paso, desta vez non o levou consigo.
Vamos cos feitos:
Tan grave estaba Jaime, que a familia decidiu chamar ó crego para poñerlle a extrema unción. E mentres D. José Simón Caamaño estaba a cumprir co sacramento, abaixo, apoiado na porta, de costas ás escaleiras do cuarto, e mirando para a rúa, estaba Ignacio López (Ignacio de Abaixo para todos), amigo do enfermo. De súpeto, aparece a toda mecha pola rúa, Luis Quintás, coñecido como Luis do Grilo, tamén amigo do enfermo, e que acababa de enterarse da mala nova. Ignacio, preso da emoción, ó ver a Luis, vota as mans á cabeza e dille: "¡Ay Grilo, mec... en D..., que morreu Chaquetas". Pero non se percatou de que mentres él falaba, baixaba D. José Simón polas escaleiras, xa cumprida a súa misión. E ó oir as verbas de Ignacio, o crego contestoulle por detrás: " Aún no murió, Ignacio, pero... menudas oraciones reza usted por su alma".
Feliz 2008 e ata outra
CODA
Na linguaxe musical, unha CODA é un remate lucido co que remata unha peza. E como toda boa obra musical, este conto tamén ten unha CODA engadida polo protagonista indirecto desta historia: Jaime "Chaquetas":
Como dixemos antes, Chaquetas non morreu daquela, e pasado algún tempo saiu do leito e botouse fora. ¿Sabedes cal foi o seu primeiro comentario? - ¡Qué dirá o Chono de min, vir o cura a confesarme e non morrer...!

sábado, 24 de noviembre de 2007

Un día de feira

Ó longo dos séculos e hasta hai pouco tempo, o motor económico e social de Arzúa foron as feiras quincenais. Había días en que a garda civil tiña que impedir que comenzasen as transacións ás 5 ou 6 da mañanciña. Ó longo da mañá, os autobuses viñan cargados de xente, mesmo arriba, onde tiñan bancos ó respecto ós que se accedía por unha escaleira, e ás entradas do povo había auténticas moreas de bicicletas agardando a volta dos seus donos.
Despois de xantar, e mentres a feira seguía na carballeira, na fiestra do cine (onde está hoxe a cafetería Venus) soaba o tocadiscos avisando de que logo iba a comenzar a función. A mocedade enchía a rúa e o paseo duraba ata ben entrada a noite.
Co paso dos anos, as feiras foron esmorecendo pouco a pouco, ata quedar no que hoxe representan: mercado pola mañá, pulpo ó xantar e andando cada ovella para o seu cortello.

A nosa historia de hoxe, sitúase nunha feira invernal, desas que xa perderan o paseo, pero aínda conservaban parte do serán para sí:
Na confitería da esquina, a iso das 10 da noite estaba tomando "a penúltima" Lolo de Leandro, sentado a carón do escaparate que da para a rúa dos taxis. O señor Ramón quería pechar, pero non quería botar de mala maneira a Lolo e así íalle dicindo de cando en vez: "Veña Lolo, que teño que pechar". Pero o aludido, en vez de marchar, entre algún canturreo polo baixiño, pedíalle outro clarete.
O señor Ramón, coa sabiduría que dan os anos, ía facendo uso da súa pacencia, pero claro, tamén a ía gastando. E nestas estaban, cando pola porta que da á praza entra Pepe do Cabo de Brandeso, que se facía chamar Folledo. Entrou como o seu admirado boxeador no ring, erguendo nos brazos, como dicindo: "aquí chego eu".
Isto foi a gota que rebasou o vaso: o señor Ramón saiu de detrás do mostrador, agarrou a Folledo de maneira "pouco cortés" e chimpouno na acera da rúa de Lugo. Pechou a porta e de seguido virouse para facer o propio con Lolo. Pero este xa estaba na porta que daba á outra rúa e díxolle desde alí: "Tranquilo, señor Ramón, por aquí non entra que xa pechei eu".

Nin que dicir ten que non durou moito dentro do establecemento.

viernes, 9 de noviembre de 2007

O primeiro

Levaba moito tempo matinando qué conto sería o merecedor de iniciar esta andaina. Non o tiña nada claro, pero onte un compañeiro e amigo deume unha pista: Falando destes contos, díxome que, para él, o mellor era, sin discusión, a breve conversa que tiveron hai un feixe de anos, o señor Anxel "do Direitiño" e Juan "Tirabeque". Vaia por diante que non pretendemos ofender a ninguén, todo o contrario, as mostras de inxenio louvan aos seus autores. E no caso dos alcumes, típico de Arzúa e outros povos similares, constan aquí para que todos vos saibades de quen estamos a falar. Así que, diante de todo, o noso respecto e a nosa homenaxe ós aquí aludidos.

E vamos dunha vez coa conversa: Estaba Anxel, que traballaba para o Concello, cun sacho nun dos xardíns que hai anos estaban espallados pola praza de Arzúa (por certo, nin de España, nin de Galiza, sempre foi a praza de Arzúa). Pasou por alí Juan e despois do saúdo, preguntou:
- ¿Qué fas, Anxel?
Anxel, que era muy socarrón, respondeulle rápido e medio rindo:
- Planto tirabeques.
Pero Juan encaixou o golpe e contraatacou de maneira maxistral:
- Pois acordate de poñerlles un pau, para que nazan ben direitiños.

E por hoxe, deixámolo aquí. Voume lembrando aqueles xardíns e aqueles bancos que tantas veces foron cambiados de sitio e de material (pedra, madeira, ferro...), sempre baixo a atenta mirada do edificio que presidía toda a praza: o palco da música, que un día foi víctima dunha corporación "moderna" que o derrubou para poñer no seu sitio unha fonte luminosa, para imitar á que se viña de estrear nos Catro Camiños de A Coruña. Vivir para ver...

martes, 23 de octubre de 2007

Saúdo

A idea xurdiu tantas veces, que había que darlle forma dalgunha maneira. En calquera lugar de Arzúa pódense escoitar frases como "é unha pena que non se recollan todos estos contos", e outras polo estilo.
Hoxe, queremos dalgunha maneira encher ese oco da memoria dos arzuáns e agardamos poder facelo sempre desde o respecto á xente, sen que ninguén se sinta ofendido.
Pedimos tamén a colaboración de todos vos, esta porta está aberta a todos. Por suposto, moderaremos a entrada de mensaxes, para manter esa liña de respecto que desexamos levar adiante.